domingo, 23 de marzo de 2025

Crítica: As gardiás ou o nó do tecelán, de Nasser Djemaï. (Teatro de Ningures)

 

Teatro de Ningures non parou de traballar nestes anos. Son os responsables do gran espectáculo que supón para Cangas A defensa da Vila, unha recreación histórica que lembra os acontecementos de 1617 e que acabou coa condena por bruxería de varias mulleres, entre elas María Solinho. Tamén xestionan a Escola de Teatro de Cangas. Levaban un tempo sen estrear un espectáculo en salas e agora volven con As gardiás ou o nó do tecelán, do autor francés Nasser Djemaï.

A historia céntrase en catro mulleres que, de forma accidental, comparten vida. Unha delas ten máis dificultades ca as demais e necesita axuda e coidados. O conflito xorde coa chegada da súa filla, que ten outros plans para ela.

Na antiga Grecia entendían o tempo dunha forma circular, como ciclos que se repiten. Dalgunha maneira, esta idea explica mellor a nosa existencia: cando unha persoa se fai maior, volve precisar os coidados que recibiu na infancia, e os fillos deben asumir o rol de coidadores. Non é unha transición doada nin unha situación agradable para ningunha das partes.

Diego Seixo

A obra tamén fala da creación doutro tipo de redes de apoio que non teñen por que basearse nos lazos de sangue: a chamada "familia escollida". Hoxe en día, hai quen decide buscar alternativas ás residencias e crear comunidades con amizades para compartir xuntos os últimos anos de vida. Dalgunha forma, iso é o que constrúen as protagonistas de As gardiás: son mulleres abertas, con moita luz, que desfrutan da vida e loitan pola súa independencia e liberdade ata o último momento. Pero, entre esa alegría e tolemia descontrolada, tamén hai espazo para a soidade, a tristeza e incluso algún momento que pode provocar arrepíos, máis propio dunha historia de terror.

Diego Seixo

O traballo actoral é incrible, e as cinco actrices que soben ao escenario conseguen transmitir unha chea de emocións. Sonia Rua, Casilda Alfaro, Amparo Martínez, Melania Cruz e unha irrecoñecible Rebeca Montero dan vida a estas mulleres fortes e cheas de paixón. Dentro de poucos días celebraranse na Coruña os premios María Casares, e esta obra ten posibilidades de levar algún galardón. Na categoría de mellor actriz, dúas das súas protagonistas, Casilda e Rebeca, entraron na fase final. Merecen toda a sorte do mundo, pero calquera das súas compañeiras podería estar nesa loita, porque ao final o teatro non é un traballo individual: o resultado é máis ca a simple suma de vontades.

Todo isto fai de As gardiás un gran regreso de Teatro de Ningures aos escenarios e, esperemos, o inicio dunha nova etapa chea de éxitos.

3 comentarios:

  1. Moitas grazas, sixelamente por facer unha crítica teatral, pero dobremente grazas pola visión tan positiva do espectáculo no seu conjunto🙏

    ResponderEliminar
  2. A vida é así circular, eu xa vivin ese círculo... aprendizaxe moi nutritivo.

    ResponderEliminar
  3. Espero que acaden algun premio ,porque o merecen ,moitos parabens

    ResponderEliminar